Que é MUDEGA?

MUDEGA é unha asociación sen ánimo de lucro que ten como fin promover a igualdade e a participación das mulleres no deporte a todos os niveis.

Este colectivo comezou a dar os seus primeiros pasos no ano 2008 a raíz duns encontros de mulleres que formaban parte do mundo do deporte en diferentes facetas (deportistas, adestradoras, directivas). Nestas charlas saíron, unha vez máis, os problemas que atopan as mulleres no mundo do deporte a pesar de que a súa presenza é cada vez maior.

Os casos máis habituais:

  • Diferenzas económicas nos premios entre a categoría feminina e masculina.
  • Piores horarios e canchas tanto para adestramentos como partidos.
  • Invisibilidade por parte dos medios de comunicación.
  • Falta de referentes propios dentro do deporte feminino.
  • A concepción familiar que se ten respecto á nena que fai deporte (deporte masculino = recoñecemento social + futuro + cartos; deporte feminino= afección momentánea + masculinidade + descentrarse do importante).

Nese intre, pensamos que a existencia dunha asociación como MUDEGA pode servir de apoio na loita da muller por acadar o lugar que merece no mundo do deporte. E así, naceu MUDEGA.