Que facemos?

Así, comezamos coa realización dun estudo sobre a presenza do deporte feminino nos medios de comunicación. E o resultado foi frustrante. No ano 2009, despois de analizar durante un mes toda a información deportiva de sete xornais (cinco galegos e dous deportivos), a realidade é que ao deporte feminino só se lle dedicaba o 2,3 por cento do espazo total.

Dous anos máis tarde repetimos este mesmo estudo e o certo é que non se mellorara nada. A deportista era invisible, a pesar dos magníficos resultados acadados, así que comezamos a celebrar de actividades que tiñan como obxectivo dar visibilidade ás mulleres deportistas.

Comezamos a participar ou promover charlas, debates, conferencias en centros de ensino, na Universidade e noutros colectivos. Co mesmo obxectivo: concienciar sobre un problema real e as veces descoñecido para a sociedade.

Tamén realizamos folletos informativos, unha exposición fotográfica sobre o deporte feminino, que fixemos itinerante tentando achegar esta realidade a todos e concienciar á sociedade sobre a necesidade de cambiar esta situación de discriminación, a cal segue crecendo con cada ano.

Durante tres anos consecutivos na cidade da Coruña organizamos a Xornada do Deporte Feminino na Rúa, coa participación de varias federacións deportivas que se sumaron a esta iniciativa.

Realizamos tamén as Galas do Deporte Feminino en Galicia para dar visiblidade ás nosas deportistas, adestradoras, xuizas, directivas, a clubes femininos, periodistas e insititucións que promoven e dean voz ao deporte feminino.