I XORNADAS MULLERES E DEPORTE: Rachando cos moldes do adestramento

Malia os grandes avances que se veñen dando nos últimos anos no mundo do deporte para acadar a integración e visibilización das mulleres, a igualdade real non avanza debido á persistencia de estereotipos de xéneros e ó modelo androcéntrico imperante.

O Observatorio da Mariña pola igualdade e a Asociación de Mulleres Deportistas Galegas elaboraron un proxecto novidoso neste eido desde unha óptica feminista coa intención de:

  1. Cuestionar a práctica tradicional do deporte: adestramentos, planificación de sesión, tratamento de lesións, alimentación, interaccións persoais…
  2. Concienciar tanto a adestradoras e adestradores como a deportistas da importancia de rachar estereotipos e traballar sobre propostas transformadoras baseadas no coñecemento científico do corpo das mulleres para evitar lesións e conseguir o máximo rendemento posible.
  3. Propoñer un modelo alternativo respectuoso cos corpos das mulleres.

Para abordar estes temas convidámoste a asistir o día 15 de setembro ás I Xornadas Mulleres e deporte: rachando cos moldes do adestramento que terá lugar na sala multiusos do Museo Provincial de Lugo. O número máximo de asistentes será de 50 persoas.


Formulario de inscrición

PROGRAMA DAS XORNADAS (PDF)

9.30 INAUGURACIÓN DA XORNADA E REPARTO DE MATERIAL

10.00 CICLO OVÁRICO E A APLICACIÓN AO TRABALLO FÍSICO

Mónica Rodríguez Rodríguez
Licenciada en Ciencias da Actividade Física e o Deporte. Profesora e Formadora de Ioga. Experta en Traballo Físico de Muller e en Actividade Física e Cancro. Fundadora e Directora do centro de Ioga Almazen de Ioga en Santiago de Compostela.

11.00 A ALIMENTACIÓN: ELEMENTO CLAVE DURANTE A PRÁCTICA FÍSICA

Olga Yanes Marqués
Graduada en Nutrición Humana e Dietética (USC) Máster en Condicionantes Xenéticos, Nutricionais e Ambientais do crecemento e do desenvolvemento. Experta en Nutrición Deportiva. Xerente do Centro de Nutrición e Fisioterapia Manduca en Ribadeo

12-12.30 ALMORZO SAUDABLE, ECOLÓXICO E SOSTIBLE

Tenda ecolóxica. Comida vegana preparada para levar.

12.30 A IMPORTANCIA DO ADESTRAMENTO DE FORZA NAS MULLERES: MITOS E LENDAS

Cristina López Villar
Doutora en Ciencias da Actividade Física e o Deporte. Posgrao en Educación para a Saúde. Profesora na Facultade de Ciencias do Deporte e a Educación Física da Coruña.

16.00 ABORDAXE FÍSICA DA DISMENORREA. PRÁCTICA DE CONSCIENCIA CORPORAL

Sandra Saavedra Blanco
Fisioterapeuta. Experta en Cadeas Musculares e Método Hipopresivo. Terapia Acuática. Colaboradora do equipo feminino Pescados Rubén Burela F.S.

17.30 TOMANDO CONSCIENCIA DA NECESIDADE DUN CAMBIO

Xiana Guerra Arias
Licenciada en Ciencias da Actividade Física e o Deporte pola UDC. Posgrao de Especialización en Prescripción de Exercicio Físico en patoloxías. Adestradora Nacional de Atletismo e Triatlón.

Marisela González Ataide
Integrante da directiva de MuDeGa. Xogadora de baloncesto no C.B. Allariz. Enxeñeira Técnica Informática pola Universidade de Vigo.

Anxela Fraga María
Educadora Social. Pedagoga. Posgrao en Educación Emocional. Máster en Cooperación Internacional. Xogadora no Coyotes Newroz Kebap Victoria F.C.